A capa de ozono é unha rexión de concentración de moléculas de ozono (O3) na atmósfera da Terra. Esta capa sitúase nunha altitude entre 19 e 30 km. Se non fora pola capa de ozono, unha grande cantidade de radiación ultravioleta procedente do sol acadaría a superficie terrestre causando danos a tódalas especies vivas. Nos anos 70, os científicos descubriron que os clorofluorcarbonados (CFCs) eran a causa da destrucción do ozono estratosférico.
O ozono créase na estratosfera cando a radiación UV procedente do sol rompe as moléculas de osíxeno (O2) en dous átomos de osíxeno. Se un átomo de osíxeno choca contra un molécula de O2, xúntase a esta para formar ozono. Este proceso recibe o nome de fotólises. O ozono tamén se rompe naturalmente por acción da radiación solar na atmosfera e tamén por reacción química con varios compostos que conteñen nitróxeno, hidróxeno ou cloro.
Nunha atmosfera non poluída existe un balance entre a cantidade de ozono que se produce e a que se destrúe. Como resultado, a concentración total do ozono permanece relativamente constante. A concentración de ozono varía coa altura tendo as concentracións máximas entre 19 e 23 km. A maior parte do ozono estratosférico prodúcese no ecuador onde o nivel de incidencia do sol é maior, e de aquí é transportado polos ventos a latitudes maiores. Consecuentemente, a cantidade de ozono estratosférico na Terra varía coa latitude, coa estación e de día en día. Baixo circunstancias normais os valores maiores de ozono atópanse sobre o Ártico Canadense e Siberia, mentres que os valores máis baixos están ó redor do ecuador. Estas distribucións medias posúen certas variacións que poden ser de tipo estacional. Por exemplo, a capa de ozono sobre Canada é normalmente máis gorda en inverno e a principios de primavera, variando de xeito natural un 25% entre Xaneiro e Xullo. Sen embargo, a máis coñecida é aquela que existe durante o inverno e a primavera austral (de Xullo a Outubro) cando se produce un esmorecemento da capa de ozono sobre a Antártida, coñecido como burato de ozono. Este mesmo burato máis feble aparece no Ártico nos meses de inverno boreal. As condicións meteorolóxicas tamén poden provocar variacións diaria considerables.
A destrucción da capa de ozono acontece cando o balance natural de producción e destrucción de ozono estratosférico se desequilibra a favor da destrucción. Actualmente está aceptado que compostos como os CFCs feitos polo home son a principal causa da destrucción da capa. Foron os Drs. M. Molina e S. Rowland en 1974 quen relacionaron os CFCs coa destrucción da capa de ozono, pero as súas ideas non foron tomadas en serio ata o descubrimento do burato de ozono sobre a Antártida en 1985.
As emisións de CFCs provocan aproximadamente o 80% da destrucción da capa de ozono. Afortunadamente, e en resposta a acordos internacionais, actualmente xa non se están a utilizar este tipo de compoñentes en prol de protexer a capa de ozono. De tódolos xeitos, debido a longa permanencia dos CFCs na atmosfera, a capa de ozono non se recuperará ata mediados do século XXI como pouco.
Fonte: Atmosphere, Climate & Environment Information. Programme (UK Department of the Environment, Transport and the Regions)
- Introducción. O sol e o ser humano.
- A radiación ultravioleta.
- Efectos nocivos da exposición excesiva á luz solar.
- Índice ultravioleta, tipo de pel e tempo para queimadura.
- Predición do índice ultravioleta
- Medidas de protección recomendadas.
- Medios de fotoprotección. Características recomendadas.
- Bronceado artificial. Lámpadas solares.
- Tópicos sobre a radiación ultravioleta
- Ó redor do 95% da radiación UV penetra na auga, e o 50% faino ata unha profundidade de 3m.
- A exposición á radiación UV altera o sistema inmune, pode desencadear ou agravar certas enfermedades cutáneas e tamén causar reaccións de fotosensibilidade de causa tóxica ou alérxica.
- Aínda que moitos dos peores efectos debidos á excesiva exposición ó sol non aparecen na xuventude, a investigación medica mostra que a meirande parte da radiación UV que nos alcanza ó longo de toda a vida (ata o 80%) ocorre nos primeiros 18 anos e que as queimaduras solares intensas na infancia aumenta significativamente o risco de desenvolver cancro cutáneo na idade adulta.

Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12