Glosario de meteoroloxía
Presión atmosférica

A presión atmosférica é o peso do aire por unidade de superficie. Esta diminúe coa altitude cunha lei de decrecemento prácticamente exponencial. En torno ós 5.5 km de altitude, a atmósfera pode ser dividida en dúas capas do mesmo peso, xa que a cobertura inferior é moito máis densa (o espesor dun estrato de aire comprendido entre dúas superficies isobáricas é maior canto máis o sexan a súa temperatura e a súa humidade).

A superficie terrestre experimenta quentamentos ou enfriamentos non uniformes ante a chegada da enerxía solar e as emisións de radiación terrestre. O aire en contacto coas superficies desigualmente quentadas caldéase en diferente cuantía xurdindo sectores de aire quente e outros de aire frío. Os primeiros son relativamente lixeiros, pouco pesados, co que exercen unha presión menor sobre a superficie que a que exercen as columnas de aire frío; todas estas variacións de presión atmosférica sobre a superficie terrestre nun momento dado poden representarse nun mapa mediante curvas que unen puntos que posuen a mesma presión atmosférica. Estas curvas, unha vez reducida a presión atmosférica ó seu equivalente ó nivel do mar, recibe o nome de isobaras.

As áreas onde a presión é alta son rexións con exceso de aire mentres que as de presións baixas son áreas con déficit de aire. O vento establécese de xeito que se compensen as diferentes presións existentes; fálase, deste xeito, do gradiente de presión que é maior canto menor é a separación entre as isobaras; isobaras moi xuntas indican un gradiente moi elevado e, por tanto, vento moi forte.

Mapa de presión superficial do modelo MASS tomado do Infomet no que se poden visualiza-lo trazado de isobaras:


imaxe presi�n
Curiosidades
  • Torricelli, físico italiano discípulo de Galileo, foi quen evaluou a presión atmosférica por primeira vez en 1643, mediante un coñecido experimento; encheu con mercurio un tubo de 1 metro de lonxitude aberto por un extremo e invertiuno sen deixar saí-lo seu contido, introducíndoo nun recipiente máis amplo que contiña a mesma sustancia. O mercurio descendeu pero non de todo, quedando cunha altura de 760 mm aproximadamente; a forza que impide que a columna de mercurio descenda totalmente é a forza que exerce o aire da atmósfera sobre a superficie do mercurio do recipiente; é dicir, é o peso do aire o que actúa.
  • Nos mapas do tempo en superficie, as borrascas identifícanse cun B de baixa ou un D de depresión (un L en inglés e un T en alemán); os anticiclóns recoñécense pola A de alta (ou H en inglés e alemán).
  • O desastre que os temporales atlánticos fixeron sufrir á Armada Invencible que mandou contra Inglaterra Felipe II de España, á que ocasionaron uns 8000 mortos e a perda de 63 navíos, din que fixo exclamar a Don Felipe: "Eu non mandei ás miñas naves a loitar contra as tempestades".



Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12