O aire circula desde as altas ás baixas presións coma consecuencia do gradiente de presións, aínda que non o fai exactamente en liña recta, coma tería ocorrido nun planeta sen rotación e plano, senón formando un pequeno ángulo coas isobaras coma consecuencia da actuación da forza de Coriolis, da forza de rozamento do aire coa superficie terrestre e da forza centrífuga.
Denomínanse anticiclóns ou altas presións a aquelas rexións nas que a zona central posúe unha presión maior ca da periferia; pola contra, nas borrascas ou baixas presións, a zona central posúe unha presión menor. Arredor dos núcleos de altas presións, é dicir, nos anticiclóns, o aire circula no senso das agullas dun reloxio, no hemisferio norte, senso de xiro que leva o nome de anticiclónico; pola contra, nos núcleos de baixas presións ou borrascas o aire circula no senso contrario ó horario, senso chamado ciclónico.
Nos anticiclóns existe diverxencia de aire no chan; é dicir, o aire tende a escapar deles en superficie polo que na súa verticial, o aire cae tratando de reemplazar ó aire que escapou en superficie; nas borrascas, pola contra, existe converxencia de aire no chan, é dicir, o aire acode a elas en superficie xerando correntes ascendentes de aire.
As borrascas son configuracións de mal tempo que soen ir acompañadas de abundante e espesa nubosidade porque o aire, ó ascender, enfríase condensando a súa humidade e formando nubes; nos anticiclóns, sen embargo, a subsidencia do aire disipa ás nubes aportando un tempo bo e estable e, coma moito, da lugar a néboas.

Senso de xiro nunha borrasca no Hemisferio Norte

Senso de xiro nun anticiclón no Hemisferio Norte
- Nos mapas do tempo en superficie, as borrascas identifícanse cun B de baixa ou un D de depresión (un L en inglés e un T en alemán); os anticiclóns recoñécense pola A de alta (ou H en inglés e alemán).
- Para os antigos escandinavos, a tormenta era o modo de manifesta-la súa ira ó deus Thor; éste golpeaba o iunque co seu tremendo martelo provocando o trono. Os estralos e lóstregos non eran outra cousa que as chispas e centellas que saltaban ó golpe do martelo de Thor.
- O desastre que os temporales atlánticos fixeron sufrir á Armada Invencible que mandou contra Inglaterra Felipe II de España, á que ocasionaron uns 8000 mortos e a perda de 63 navíos, din que fixo exclamar a Don Felipe: "Eu non mandei ás miñas naves a loitar contra as tempestades".

Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12