As observacións meteorolóxicas recollidas en tarxetas postais que mensualmente son enviadas por multitude de observadores meteorolóxicos ó longo e ancho do mundo son, sen dúbida, extremadamente valiosas desde un punto de vista climatolóxico. Sen embargo, en moitas ocasións, revelan información de carácter histórico nada desdeñable.
O seguinte conxunto de tarxetas postais dista no tempo desde 1915 ata 1945 ordeadas cronolóxicamente. A primeira delas enviouna un Observador desde o municipio de As Neves en Pontevedra, mentres que as outras tres son de Vimianzo en A Coruña escritas polo mesmo Observador. Nos tres primeiros casos o Instituto de Meteoroloxía aínda estaba no Parque do Retiro.
Aínda que tódolos comentarios que destacan os Observadores son interesantes, resalta o de Maio do 1939 recén rematada a Guerra Civil. Na súa anotación, o Observador (D. Manuel Novo) menciona que o Servicio Meteorolóxico non estivo operativo, aínda que dalgunha forma continuou enchendo os partes meteorolóxicos que gardou, e posteriormente enviou, para recupera-las series. Así, a tarxeta de Maio do 1939 corresponde ás observacións tomadas en Febreiro do 1938. Destacar tamén o "Viva España" da tarxeta do 1939, daquelas obrigatorio, fronte ás do 1934 e do 1945. Obsérvese tamén que pasou a Censura Militar polo Gobierno Militar de A Coruña.
Outro tema interesante desde un punto de vista filatélico é que a franquicia permanece constante durante os 30 anos que se recollen aquí, aínda que sí que houbo cambios na coroa que a remata. No 1915 o remate correspondía á coroa real (de feito houbo outra intermedia máis parecida á actual a finais dos anos vinte), no 1934 e no 1948 era a da República, e no 1945 volveu a cambiar permanecendo xa a mesma ata ben entrada a democracia. En canto á franquicia, Real Decreto do 17 de xaneiro do 1911, cambiou a Orde Ministerial do 9 de xullo do 1951 manténdose así, unha vez máis, ata ben entrada a democracia.
En canto á meteoroloxía chama a atención que en Vimianzo se observara neve durante tres días en xaneiro do 1945. Destaca tamén a chuvia recollida nese mes de xaneiro de 367.6 litros. Asimesmo, o Observador parece presentar dificultades burocráticas xa que referíndose á necesidade de recibir tarxetas para observacións de néboa cita: "... dígame se as reclamo por oficio, ou por carta". En moitos casos, non cambiamos moito aínda...
Vicente P�rez Mu�uzuri








- A única humidade que chega ó deserto de Namibia, ó sudoeste de África, faino en forma de néboa mariña.
- Refraneiro popular: "Mañás de néboa, tardes de sol".
- 1 MINUTO: En Barot, Guadalupe, Antillas Menores, o 26 de novembro de 1970 medíronse un total de 38,1 mm.
- 12 HORAS: En Belouve, La Reunión (Océano Índico), o 28 de febreiro de 1964, caeron 1087 mm.
- 1 ANO: En Cherrapunji (India), de agosto 1860 a xullo de 1861 medíronse 26461 mm.

Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12