Glosario de meteoroloxía
Estacións meteorolóxicas: Rutinas de observación

Toda rutina de observación estructúrase en base a que a presión debe ser rexistrada sempre á mesma hora en cada unha das observacións; o resto das variables leeranse 10 minutos antes ou 10 minutos despois do rexistro barométrico.

A continuación preséntase un exemplo do que podería ser unha rutina de observación:

  • En primeiro lugar, ábrese a caseta meterolóxica e realízanse as lecturas do termómetro de máxima e de mínima deixándoos listos para unha nova lectura; empápase a muselina do termómetro húmido que constitúe o psicrómetro e realízanse as lecturas da temperatura do termómetro seco e do húmido, comprobando se é preciso enche-lo depósito de auga destilada. Efectúase unha lectura no evaporómetro de Piché, así coma lecturas do termógrafo e do higrógrafo no caso de existiren; debe comprobarse se é preciso cambia-la banda rexistradora do termógrafo e higrógrafo; péchase a caseta.
  • No caso de existiren xeotermómetros, realízanse lecturas, nos tres tipos de chan, de cada unha das profundidades.
  • Lectura do pluviómetro e do pluviógrafo comprobando que non existan restos dentro dos mesmos; valéiranse e déixanse listos para a próxima observación.
  • Lectura do anemómetro e anemógrafo.
  • Lectura do tanque de evaporación comprobando que non existan restos orgánicos ou doutro tipo no seu interior; hai que ter en conta se se produciron precipitacións para restarllas á lectura, así como se existiron rachas importantes de vento que darían unha menor veracidade á observación; trala lectura, límpiase o tanque e enrásase o nivel da auga co parafuso micrométrico.
  • A lectura do heliógrafo sería preferible realizala antes da saída do sol ou trala súa posta para evita-la perda no rexistro da insolación co cambio das bandas; se a lectura se realiza durante as horas de sol deben apuntarse os minutos que se perden no cambio de banda para telos, posteriormente, en conta.
  • Lectura do barómetro e barógrafo á hora en punto. Se non dera tempo, interrúmpese a observación e efectúase a súa lectura postergando as outras.
  • Para finalizar, resulta de interese levar un listado mediante observacións diarias dos fenómenos visibles da atmósfera, é dicir, os meteoros. Un meteoro é un fenómeno, ademáis das nubes, observado na atmósfera ou na superficie do globo; pode consistir nunha precipitación, nunha suspensión ou nun depósito de partículas líquidas ou sólidas, nunha manifestación de natureza óptica ou eléctrica, ou incluso en meteoros astronómicos, consistentes en corpos procedentes do espacio que penetran na atmósfera.
Curiosidades
  • O lugar máis seco do mundo é o deserto do Atacama, ao norte de Chile.
  • A temperarura máis baixa rexistrada xamais no Hemisferio Norte (-71ºC) foi na rexión de clima frío de Oimyakon, en Siberia.
  • A máis alta temperatura europera (50.5 ºC) rexistrouse no sur de Portugal.


máis información

Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12