Glosario de meteoroloxía
Estacións meteorolóxicas: Ubicación

A elección do emplazamento dunha estación meteorolóxica vese forzada por unha serie de condicionantes que abarcan disciplinas moi diferenciadas; éste feito esixe a caracterización do terreo escollido mediante informacións de tipo:

  • Xeográfica: xustificada por dous motivos; en primeiro lugar, o feito de ofrecer información detallada sobre a ubicación da estación permite evaluar nela con precisión os datos adquiridos; e, por outra banda, permite unha fácil localización do emplazamento para futuras revisións e posta a punto da mesma.
  • Orográfica: as características orográficas do emplazamento escollido poden forza-la aparición de fenómenos meteorolóxicos locais que non sexan, sen embargo, representativos das características globais da rexión de estudio; así, débese evita-la instalación de Estacións en lugares próximos a:
    • Relevos Topográficos: Montañas, vales, etc. (As precipitacións, a temperatura mínima, así coma o campo de ventos vense profundamente afectados pola topografía; no caso específico de montaña, o seu efecto prolóngase ata 50 veces a súa altura).
    • Mar: Afecta á temperatura, réxime de ventos e humidade relativa; bastaría un distanciamento en torno a 3 Km para evita-los cambios máis bruscos aínda que éstes continuan de forma máis gradual en torno ós 10 ou ós 15 Km.
    • Ríos: Bastaría con distancia-la estación en torno a 100 metros.
    • Lagos: Cunha separación duns 800 a 2000 metros, dependendo do tamaño do mesmo, evitaríanse fenómenos locais inducidos pola súa presencia.
  • Climática: resulta de interese ter un coñecemento, aínda que sexa aproximado, das características climáticas da rexión en base á extrapolación das observacións de estacións meteorolóxicas próximas xa que pode ocorrer que a zona escollida se vexa afectada por fenómenos atmosféricos destructivos con determinada frecuencia, coma sería o caso de rexións onde son habituais tormentas con abundante aparato eléctrico ou rexións próximas a ríos onde se produzan crecidas periódicas do caudal que cheguen a afecta-lo emplazamento, etc.
  • De seguridade e accesibilidade á parcela: é preciso analiza-las características da parcela na que se vai a construi-la estación para rentabilizar ó máximo a inversión: se se trata dunha zona poboada ou despoboada, con peche ou sen el, protección contra animais, vixiancia ou non, etc...; por outra banda, a accesibilidade da parcela permite indicar qué tipo de vehículo, no caso de ser necesario o mesmo, se pode empregar para acceder ós emplazamentos.
  • De cobertura de comunicación e disponibilidade de enerxía eléctrica: esta información permitirá analizar cales son os posibles medios de comunicación que se poden empregar para acceder de forma remota á estación. Da mesma forma, a información sobre a disponibilidade de corrente eléctrica permitirá evalua-las diferentes posibilidades para proporciona-la enerxía necesaria para o funcionamento dos equipos e estima-la necesidade de instalación de placas solares.

Exemplo parcial da localización do instrumental nunha estación meteorolóxica:

imaxe estacion


Ubicación do instrumental dunha estación meteorolóxica

As estacións constrúense redondas ou rectangulares e cun tamaño aproximado de 80 metros cadrados; posúen un vallado que as recobre e pecha, evitando, entre outras cousas, a entrada de animais soltos ó recinto. O seu chan debe ser de céspede.

Para que os termómetros dean unha lectura representativa das temperaturas do aire deben estar protexidos da radiación tanto solar coma terrestre, así como da de tódolos corpos que os rodean, pero ó mesmo tempo deben estar convenientemente ventilados para que indiquen a temperatura do aire libre que circula nas proximidades. O método xeral de protección é a súa ubicación nunha caseta ou garita meteorolóxica; ésta debe construirse preferiblemente de madeira, con persianas para a súa ventilación e pintada de branco para evita-la absorción de excesiva radiación; a porta de acceso ó interior da caseta debe orientarse de forma que non coincida co lugar da posta do sol ou do amencer, nin co arco solar en xeral; é dicir, cara o Norte/Sur no Hemisferio Norte/Sur. Ademáis, a caseta debe situarse a unha altura aproximada de 1.5 metros por enriba do chan sobre 4 soportes ou pes que sexan resistentes para evita-los embistes do vento. Por debaixo da caseta debe crece-la herba ou céspede; ésta non debe situarse nin preto do pluviómetro, nin preto do evaporímetro.

Na colocación do heliógrafo hai que verificar que nada fai sombra sobre a súa esfera, aínda que a colocación concreta da mesma é moi complexa: ésta precisa adaptarse á latitude específica da rexión de observación, así coma ó período estacional.

Curiosidades
  • O lugar máis seco do mundo é o deserto do Atacama, ao norte de Chile.
  • A temperarura máis baixa rexistrada xamais no Hemisferio Norte (-71ºC) foi na rexión de clima frío de Oimyakon, en Siberia.
  • A máis alta temperatura europera (50.5 ºC) rexistrouse no sur de Portugal.



Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal 4.9.12