Partículas (PM10 e PM2,5)

Que son?

Partículas en suspensión (ou material particulado) é o termo xeral empregado para unna mestura de partículas (sólidas ou líquidas, orgánicas ou inorgánicas) suspendidas no aire, coñecidas como aerosois, con ampla gama de tamaño e composición química.

As partículas en suspensión poden ser:

  • Contaminantes primarios: Vertidos á atmosfera de forma directa desde os focos emisores, puntuais ou difusos, de orixe antropoxénico ou natural.
  • Contaminantes secundarios: Cando se forman na atmosfera a partir da oxidación e transformación de emisións gasosas. Os precursores máis importantes das partículas secundarias son SO2, NOx, NH3 e COVs.

Fontes

Naturais:

  • Emisións fuxitivas dos solos. A composición química e mineralóxica destas partículas varía dunha rexión a outra dependendo das características e composición dos solos.
  • Polvo africano do deserto do Sáhara. As condicións extremadamente secas e cálidas do Sáhara forman turbulencias capaces de propulsar o polvo a unha altitude de 4 a 5 km. As partículas poden permanecer semanas ou meses a esas altitudes e a miúdo o vento espállaas por toda Europa.
  • A superficie dos mares e océanos son fonte de partículas xeradoras de aerosol mariño e nalgunhas zonas costeiras poden representar ata o 80 % das partículas suspendidas na atmosfera. Componse sobre todo de sal, que os fortes ventos lanzan ao aire.
  • As erupcións volcánicas, fonte natural de partículas primarias minerais e secundarias.

Antropoxénicas: As principais fontes antropoxénicas de material particulado atópanse en zonas urbanas e industriais.

  • Tráfico: emisións dos vehículos, desgaste pavimento, pneumáticos, freos.
  • Actividade industrial: combustibles fósiles, fundición de metais como cobre ou zinc, produción de cemento, cerámica e ladrillos, manipulación de materiais pulverulentos, transporte en zonas industriais.
  • Calefaccións domésticas por queima de biomasa.
  • Incendios (tamén poden ser por causa natural).

Como afectan á saúde?

As PM poden provocar ou agravar enfermidades cardiovasculares e pulmonares, ataques cardíacos e arritmias, afectan ao sistema nervioso central, ao sistema reprodutivo e poden causar cancro. O resultado pode ser unha morte prematura.

As máis prexudiciais son as PM2,5 (tamaño igual ou menor a 2,5 micrómetros de diámetro aerodinámico) xa que ao ter menor tamaño poden chegar incluso aos alvéolos pulmonares, mentres que as PM10, por ter maior tamaño, quedan retidas na mucosa que recubre as vías respiratorias superiores.

Como afectan ao clima?

O efecto climático das partículas varía co seu tamaño e composición: algunhas conducen a un enfriamento neto, mentres que outras conducen a un quecemento. Poden provocar cambios nos patróns de precipitación, e a deposición pode orixinar cambios no albedo de superficie.

Como se miden?

O Real Decreto 39/2017 establece que o método de referencia para a toma de mostras e a medición de PM10 e PM2,5 é o que se describe na Norma UNE-EN 12341:2015 “Aire ambiente. Método de medición gravimétrico normalizado para a determinación da concentración másica de PM10 ou PM2,5 da materia particulada en suspensión”.

Para empregar sistemas automáticos de medida, que proporcionan datos a tempo real, é necesario establecer a función de corrección respecto ao método de referencia. Isto realízase seguindo as indicacións da “Guía para os Estados Membros sobre medidas de PM10 e intercomparación co método de referencia” e as indicacións da Norma UNE- EN  16450:2017 “Aire ambiente: sistemas automáticos de medida para a medición da concentración de materia particulada (PM10 e PM2,5)”.

Valores límite lexislados

PM10

Valor

Período

Valor límite diario para a protección da saúde humana 50 µg/m3

Valor medio en 24 h.

Non debe superarse en máis de 25 ocasións por ano civil.

Valor límite anual para a protección da saúde humana 40 µg/m3

Ano civil

PM2,5

Valor

Período

Valor límite anual para a protección da saúde humana 25 µg/m3

Ano civil


Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Nota legal | Mapa do portal 2.1.5