Black Carbon (BC)
Que é? |
|
O Black Carbon (BC) ou fume negro é un tipo de material carbonoso. É un compoñente principal da feluxe, unha complexa mestura que tamén contén carbono orgánico. Distínguese doutras formas de carbono e compostos de carbono contidos no aerosol atmosférico xa que ten unha combinación única das seguintes propiedades: absorbe fortemente a luz visible en todas as lonxitudes de onda, é refractario (conserva a súa forma básica a moi altas temperaturas), é insoluble en auga e en disolventes orgánicos (incluíndo metanol e acetona) e existe como un agregado de pequenas esferas de carbono. O BC xérase principalmente pola combustión incompleta ou deficiente de combustibles fósiles, biocombustibles e biomasa, e adoita ser emitido directamente á atmosfera en forma de partículas finas (PM2,5). Ten unha reactividade química moi baixa na atmosfera e o seu proceso principal de eliminación é a deposición húmida ou seca. A emisión de BC afecta á calidade do aire ambiente, incide na saúde das persoas e está considerado como un importante contribuínte ao cambio climático global. |
|
Fontes |
|
A meirande parte das emisións globais de BC débense principalmente á acción humana. Proceden de fontes móbiles, especialmente dos motores de vehículos diésel. A outra gran fonte é a procedente da queima de biomasa, dos incendios forestais, das calefaccións residenciais e da industria. |
|
Como afecta á saúde humana? |
|
O diminuto tamaño das partículas de BC propicia que sexan inhaladas con facilidade polo ser humano, afectando directa ou indirectamente ao sistema pulmonar e aos bronquíolos. A súa inhalación incrementa o risco de padecer infeccións respiratorias, agrava outras moitas enfermidades respiratorias e cardiovasculares e aumenta a taxa de mortalidade prematura. |
|
Como afecta ao cambio climático? |
|
A súa alta contribución ao cambio climático é debida as súas propiedades absorbentes da luz que fan que converta a enerxía en calor e quente o aire que o rodea. Cando estas partículas están suspendidas no aire, a luz que sería absorbida na superficie é redistribuída na atmosfera. Tamén cabe destacar a súa interacción co xeo e coa neve. Cando as partículas de BC se sitúan sobre estas superficies rematan por escurecelas e diminúe a reflectividade o cal se denomina “efecto albedo”. Isto provoca a aceleración da fusión da neve e o xeo. O BC tamén contribúe á formación de nubes marróns atmosféricas que producen cambios nos patróns da chuvia e nos gradientes de temperatura. |
|
Como se mide? |
|
A aetalometría é a técnica baseada na absorción de radiación electromagnética dalgún tipo determinado de material particulado suspendido no aire. Xeralmente, emprégase para a medición do BC xa que este material é o contaminante orgánico con maior índice de absorción de luz. O seu principio de operación baséase en facer pasar unha cantidade coñecida de aire inicialmente por unha cinta filtro (de fibra de cuarzo recuberta de teflón) e despois por unha cámara onde é irradiada cunha determinada lonxitude de onda. A estimación da concentración de BC na mostra de aire está relacionada coa atenuación da radiación xerada polo contaminante e o fluxo de aire que ingresa ao equipo nun período de tempo determinado. O equipo que se emprega para a medición do BC é coñecido como aetalómetro. |
- Galega

Atención á cidadanía | Accesibilidade | Nota legal | Mapa do portal 2.1.5