Benzo(a)pireno

Que é?

Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP ou PAHs) son un grupo de substancias químicas formadas por dous ou máis aneis aromáticos unidos. Son substancias liposolubles, que se forman principalmente durante a combustión incompleta de compostos orgánicos. Existen máis de 100 HAP distintos, todos eles son substancias orgánicas persistentes e de difícil degradación que poden provocar importantes problemas na saúde humana e poden permanecer no ambiente durante anos, afectando seriamente ao medio acuático e terrestre.

Entre eles destaca o benzo(a)pireno que é un HAP de cinco aneis que se atopa en partículas finas procedentes dunha combustión incompleta, para o cal hai valor límite lexislado.

Para avaliar a contribución do benzo(a)pireno no aire ambiente deben medirse outros HAP:  benzo(a)antraceno, benzo(b)fluoranteno, benzo(j)fluoranteno, benzo(k)fluoranteno, indeno(1,2,3-cd)pireno e dibenzo(a,h)antraceno.

Fontes

Fontes naturais: Incendios forestais e volcáns.

Fontes antropoxénicas: Emisións gasosas de automóbiles, barcos, avións, plantas de xeración de enerxía eléctrica, procesos metalúrxicos, o desgaste dos pneumáticos de goma, incineradoras de residuos, calefaccións domésticas, fume de tabaco, os alimentos afumados, alimentos cociñados á grella ou fritos a altas temperaturas.

Como afecta á saúde?

Humana: A Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC) considera ao B(a)P como un canceríxeno coñecido, clasificado no grupo I.

Animais: Estudos de laboratorio determinan que o B(a)P é canceríxeno en animais.

Como se mide?

O Real Decreto 39/2017 establece que o método de referencia para a toma de mostras dos hidrocarburos aromáticos policíclicos no aire ambiente é o que se describe na Norma UNE-EN 12341:2015 “Aire ambiente. Método de medición gravimétrico normalizado para a determinación da concentración másica PM10 ou PM2,5 da materia particulada en suspensión”.

Este RD tamén establece que o método de referencia para a medición do benzo(a)pireno no aire ambiente é o que se describe na Norma UNE-EN 15549:2008 “Calidade do aire. Método normalizado para a medición da concentración de benzo(a)pireno en aire ambiente”.

Valores límite lexislados

Benzo(a)pireno

Valor

Período

Valor obxectivo 1 ng/m3

Ano natural


Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Nota legal | Mapa do portal 2.1.5