Glosario de meteoroloxía
Efectos nocivos da exposición excesiva á luz solar.

Bronceado.

O bronceado ou pel morena é debida ó incremento dun pigmento cutáneo denominado melanina e, a menudo, considérase un signo de vida ó aire libre e de boa saúde. Sen embargo, o cambio de cor da pel indica que foi danada por exposición excesiva á radiación UV (RUV); trátase dun mecanismo de defensa contra posteriores sobreexposicións. O dano é acumulativo ó longo de toda a vida.

Co bronceado, a melanina protexerá a pel absorbendo unha pequena parte da RUV. Equivale a aplicar unha crema fotoprotectora con FPS 2-3 e non significa estar protexidos contra os efectos nocivos da luz solar.

O aumento de pigmentación prodúcese en dúas fases, inmediata e tardía. A pigmentación inmediata ocorre a causa da oxidación e redistribución da melanina existente na pel durante a propia exposición ó sol, desaparecendo rapidamente ó cesar ésta ou ben ós poucos días. A pigmentación tardía débese ó aumento da síntese da melanina na piel e non é visible ata pasados 1-3 días da exposición.


Queimadura ou eritema solar.

Ocorre cando a sobreexposición á RUV é aínda máis intensa, a súa forma máis leve é o arrubiamento da pel. Iníciase unhas 2-6 horas trala exposición solar, a súa intensidade é máxima ás 12-24 horas e desaparece en 4-7 días ocasionando a descamación da pel. Tanto a RUV B coma a A poden arrubia-la pel pero débese principalmente á RUV B (85%) e menos á A (15%) que require unha dose unhas 1000 veces superior.

A radiación UV non produce calor polo que se poden producir queimaduras graves aínda sen excesiva calor ambiental. Diversos factores inflúen na posibilidade de queimadura solar, uns son ambientais, polo aumento do nivel de radiación (atmósfera, hora, estación, altitude, latitude, reflexión; (ver A radiación ultravioleta), e outros son personais:

  • Raza e tipo de pel: É o principal factor persoal. Canto máis clara é a pel, maior é o risco de queimadura. As razas con pel levemente pigmentada requiren, para se queimar, 3-5 veces máis radiación UV cós de pelbranca e a pel negra ata 30 veces máis.
  • Idade: Nalgunhas persoas a propensión a queimarse disminúe na ancianidade.
  • Grosor da pel: Canto máis fina, máis fácil se queima.
  • Grao de hidratación: A RUV penetra pior na pel seca.
  • Zona corporal: A cara, o colo e o tronco son máis sensibles á RUV cas extremidades, queimándose máis facilmente. Os beizos teñen poucos melanocitos (células que producen o pigmento melanina) e por elo non se fan máis resistentes á queimadura coas progresivas exposicións. O precancro e o cancro de beizo son frecuentes, a protección dos beizos pode axudarlle a preveni-la súa queimadura, sequedade e descamación, e tamén a reduci-lo risco de lesións premalignas e malignas.

Envellecemento cutáneo prematuro.

A exposición frecuente á RUV durante anos causa importante dano acumulativo con envellecemento prematuro da pel. De feito, ata un 90% dos cambios visibles da pel que se atribúen á idade coma enrrugas finas e profundas, diminución da elasticidade, cambios locais de coloración, sequedade, pequenos vasos sanguíneos máis visibles, etc. son en realidade causados pola exposición ó sol. A meirande parte do total de RUV que nos alcanza ó longo da vida se soe recibir nos primeiros 20 anos e así ata o 80% dos danos responsables do envellecemento cutáneo por exposición solar xa ocorreron nesta época; por elo, a fotoprotección debe comezar na infancia.

A radiación UV A causa máis dificilmente danos agudos (coma queimaduras) ca B e por elo inicialmente pode parecer menos nociva. Sen embargo, a RUV A penetra máis profundamente dentro da pel e tamén constitúe o 90-95% do total de radiación UV que acada a superficie terrestre polo que existe actualmente unha grande preocupación sobre a influencia no envellecemento cutáneo, cancro de pel, etc. da exposición acumulada de radiación UV A, aínda a doses que non chegan a causar queimadura.


Cancro de pel.

O cancro de pel está aumentando de forma máis rápida que calquera outra forma de cancro. Os estudios epidemiolóxicos mostran que o risco de desenvolver cancro cutáneo é maior canto máis clara é a cor natural da pel e tamén suxiren que existe asociación entre o grao de exposición solar acumulada e o desenvolvemento do melanoma e de outros tipos de cancro cutáneo coma carcinomas espinocelulares e basocelulares. Observouse que a exposición solar intermitente e severa, que causa queimaduras, é un importante factor de risco para o melanoma e o carcinoma basocelular, mentres ca incidencia do carcinoma espinocelular é maior nas persoas cunha alta exposición solar crónica, acumulada ó longo da vida.


Outros efectos cutáneos nocivos.

A exposición á radiación UV altera o sistema inmune, pode desencadear ou agravar certas enfermedades cutáneas e tamén causar reaccións de fotosensibilidade de causa tóxica ou alérxica.


Dano ocular.

A exposición intensa do ollo á radiación UV, aínda que sexa breve, pode ocasionar danos serios ou incluso a cegueira. A exposición menos intensa pero frecuente parece presentar unha correlación positiva coa formación de cataratas e outras alteracións coma a dexeneración macular da retina.



Curiosidades
  • Ó redor do 95% da radiación UV penetra na auga, e o 50% faino ata unha profundidade de 3m.
  • A exposición á radiación UV altera o sistema inmune, pode desencadear ou agravar certas enfermedades cutáneas e tamén causar reaccións de fotosensibilidade de causa tóxica ou alérxica.
  • Aínda que moitos dos peores efectos debidos á excesiva exposición ó sol non aparecen na xuventude, a investigación medica mostra que a meirande parte da radiación UV que nos alcanza ó longo de toda a vida (ata o 80%) ocorre nos primeiros 18 anos e que as queimaduras solares intensas na infancia aumenta significativamente o risco de desenvolver cancro cutáneo na idade adulta.

Xunta de Galicia  
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 4.5.0
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia