Dióxido de Xofre (SO2)

Descrición

O Dióxido de Xofre (SO2) é un gas incoloro de cheiro forte e irritante cando está presente en altas concentracións. O Dióxido de Xofre tamén é precursor doutros contaminantes como o trióxido de xofre (SO3) ou partículas (PM2,5). Os produtos de oxidación deste composto xunto cos procedentes das emisións de NOx e NH3 son os principais causantes da chuvia ácida.

A fonte natural máis importante deste composto son as erupcións volcánicas. O dióxido de xofre que se produce debido á actividade humana provén principalmente da queima de combustibles fósiles (gasóleos, carbón, etc) con alto contido en xofre que se empregan para a xeración de enerxía en plantas industriais, calefaccións domésticas e o transporte.

Exposicións de curta duración a altas concentracións de dióxido de xofre causan irritación nos ollos e nas vías respiratorias. Tamén pode provocar a inflamación do sistema respiratorio e agravamento dos síntomas da asma, a bronquite crónica e enfermidades cardiovasculares. A exposición prolongada ou repetida pode orixinar alteracións na función pulmonar.

Valores límite lexislados

Valores límite para a protección da saúde.

SO2

Período da medida

Valor

Valor límite horario

1 hora

350 μg/m3, que non poderá

superarse en máis de 24 ocasións

por ano civil

Valor límite diario

24 horas

125 μg/m3, que non poderá

superarse en máis de 3 ocasións

por ano civil

Limiar de alerta

3 horas

500 μg/m3 durante

3 horas consecutivas en área representativa de 100 km2 ou zona ou aglomeración enteira

Limiar de atención

3 horas

400 μg/m3(80% do limiar de alerta)

 

Técnica de medida

O método de referencia para a medición de dióxido de xofre é o que se describe na Norma UNE-EN 14212:2013 “Aire ambiente. Método normalizado de medida da concentración de dióxido de xofre por fluorescencia de ultravioleta”.

Para saber máis sobre os efectos dos contaminantes na saúde das persoas e qué facer en caso de que teñamos un episodio de altas concentración de contaminantes, pinche no enlace “Recomendacións”


Logo Xunta 
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 1.4.0
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia