Óxidos de Nitróxeno (NOx)

Descrición

Os óxidos de nitróxeno son unha mestura de gases compostos de nitróxeno e osíxeno. O óxido nítrico (NO) e o dióxido de nitróxeno (NO2) son os óxidos de nitróxeno máis relevantes en canto á calidade do aire e, habitualmente, súmanse as súas concentracións e exprésase o total como dióxido de nitróxeno (NO2).

O NO é un gas incoloro e inodoro e constitúe a maior parte das emisións de NOx. O NO2 é un gas de cor marrón-vermello e cheiro acre que se forma principalmente pola oxidación do NO.

Os óxidos de nitróxeno xogan un papel importante na formación de ozono. Tamén contribúen á formación de partículas (PM10 e PM2,5), á chuvia ácida e á eutrofización dos ecosistemas.

As principais fontes de NOx son os procesos de combustións a altas temperaturas. O tráfico rodado, seguido das fontes industriais e domésticas (calefacción), son os principais responsables da emisión destes compostos.

Os óxidos de nitróxeno son gases altamente tóxicos e a exposición a estes compostos, incluso a baixas concentracións, pode provocar irritación nas vías respiratorias e nos ollos, tose, falta de alento, náuseas ou cansazo. A exposición a altas concentracións de NOx pode causar edema pulmonar (acumulación de líquido nos pulmóns) que, se non se trata adecuadamente, pode chegar a ser mortal.

Para saber máis sobre os efectos dos contaminantes na saúde das persoas e qué facer en caso de que teñamos un episodio de altas concentración de contaminantes, pinche no enlace “Recomendacións”

Valores límite lexislados

Valores límite para a protección da saúde.

NO2

Período da medida

Valor

Valor límite horario

1 hora

200 µg/m3 de NO2 que non poderán superarse en máis de 18 ocasións por ano civil

Valor límite anual

1 ano civil

40 µg/m3 de NO2

Limiar de alerta

3 horas

400 μg/m3 durante

3 horas consecutivas en área representativa de 100 km2 ou zona ou aglomeración enteira

Limiar de atención

3 horas

320 μg/m3 (80% do limiar de alerta)

Técnica de medida

Para realizar as medidas das concentracións NOx e NO2, o método de referencia é o que se describe na Norma UNE-EN 14211:2013 “Aire ambiente. Método normalizado de medida da concentración de dióxido de nitróxeno e monóxido de nitróxeno por quimioluminiscencia”.


Logo Xunta 
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 1.4.0
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia