Metais Pesados

Descrición

Os metais pesados son un grupo de elementos químicos que presentan unha densidade relativamente alta. Aínda que non todos os metais que teñen unha elevada densidade son tóxicos en concentracións normais, existen unha serie de metais pesados moi coñecidos por ser perigosos xa que son persistentes no medio ambiente e algúns bioacumúlanse, é dicir, acumúlanse nos organismos, nas cadeas alimentarias. 

Aínda que os seus niveis son baixos; o mercurio (Hg), o chumbo (Pb), o cadmio (Cd), o talio (Tl), o cobre (Cu), o zinc (Zn), o cromo (Cr) e tamén o arsénico (As) son contaminantes atmosféricos comúns emitidos principalmente como resultado de diversas actividades industriais e da combustión do carbón. Os metais lexislados en calidade do aire son os seguintes:

  • Arsénico (As):

O arsénico é un elemento moi tóxico. Atópase de forma natural na terra en pequenas concentracións, pero a consecuencia das interferencias humanas, grandes cantidades de arsénico chegan ó ambiente e ós organismos vivos. A exposición a este metal ocorre normalmente polo contacto da pel coa auga e o solo contaminado.
Os efectos que ten sobre a saúde van dende a irritación do estómago, intestinos e pulmóns, ao desenvolvemento de cancro de pel, pulmón, fígado, e linfa, danos no sistema nervioso, dano no DNA, e infertilidade.

  • Cadmio (Cd):

O cadmio libérase á atmosfera a partir de fontes naturais (volcáns, as partículas levadas polo vento e as emisións bioxénicas) e antropoxénicas (produción de metais non ferrosos, a combustión fixa de combustibles fósiles, a incineración de residuos, a produción de ferro e aceiro e a produción de cemento).
Os principais efectos secundarios que se poden presentar son danos no sistemas dixestivo e nervioso, debilitación dos osos, dano no ADN e desenvolvemento de cancro.

  • Níquel (Ni):

O níquel é un metal traza que se produce nos solos, na auga, no aire e na biosfera. As emisións atmosféricas de Ni poden ser a partires de fontes naturais (po arrastrado polo vento, os volcáns ou vexetación) ou de fontes antropoxénicas (combustión de petróleo para a xeración de calor, o transporte marítimo ou a produción de enerxía, a minería e produción primaria de Ni, a incineración de residuos e lodos de augas residuais, a fabricación de aceiro, a galvanoplastia e a combustión do carbón).
En cantidades moi pequenas, o Ni é esencial para os seres humanos. Non obstante, unha elevada absorción pode ser un perigo para a saúde humana, xa que o níquel é un canceríxeno coñecido, e tamén ten outros efectos non cancerosos, por exemplo no sistema endócrino.

  • Chumbo (Pb):

O chumbo é un metal brando que tivo moitas aplicacións, pero que na actualidade se atopa prohibido na maioría delas dado os seus efectos. Este metal pode entrar no organismo humano a través da comida, da auga e do aire. As principais fontes de emisións antropoxénicas do Pb son a combustión de combustibles fósiles, a eliminación de residuos e a produción de metais non ferrosos, ferro, aceiro e cemento. A contribución da gasolina ás emisións de chumbo eliminouse en Europa a través da lexislación e a completa aceptación da gasolina sen chumbo.
Entre os efectos do chumbo na saúde cabe destacar a alteración do sistema nervioso, a elevación da presión arterial en adultos, danos nos riles e no cerebro, perda de fertilidade e, finalmente, a morte. A exposición ao chumbo ten efectos sobre o desenvolvemento e conduta neuronal de fetos, bebés e nenos.

  • Mercurio (Hg):

A principal fonte antropoxénica de emisións atmosféricas de mercurio é a combustión de carbón e outros combustibles fósiles. Outras fontes inclúen a produción de metais, a produción de cemento, a eliminación de residuos e a cremación. As principais fontes naturais de emisións de Hg son a dispersión desde o manto da terra a través da litosfera, a evaporación desde a superficie do mar e a actividade xeotérmica.
O Hg emitido en formas inorgánicas convértese bioloxicamente en metilmercurio no chan e na auga. O mercurio é tóxico nas formas elementais e inorgánicas, pero a principal preocupación refírese ós seus compostos orgánicos, especialmente o metilmercurio. Acumúlase na cadea alimentaria, por exemplo en peixes predadores de lagos e mares e pasa a través da inxestión ós seres humanos.

Para saber máis sobre os efectos dos contaminantes na saúde das persoas e qué facer en caso de que teñamos un episodio de altas concentración de contaminantes, pinche no enlace “Recomendacións”

Valor límite de arsénico, cadmio, níquel, chumbo e mercurio

  • Arsénico, cadmio e níquel

Arsénico (As)

6 ng/m3

Cadmio (Cd)

5 ng/m3

Níquel (Ni)

20 ng/m3

  • Chumbo

Pb

Período da media

Valor límite

Valor límite anual

1 ano civil

0,5 µg/m3

  • Mercurio
  • Non se ten fixado ningún valor obxectivo ou límite na UE para as concentracións atmosféricas de Hg.

Técnica de Medida

El método de referencia para as toma de mostras do chumbo, arsénico, cadmio e níquel no aire ambiente decríbese na Norma UNE-EN 12341:2015. O método de referencia para a medición do arsénico, cadmio e níquel no aire ambiente é o que se describe na Norma UNE-EN 14902:2005 “Calidade do aire ambiente. Método normalizado para a medida de Pb, Cd, As e Ni na fracción PM10 da materia particulada en suspensión”.


Logo Xunta 
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 1.4.0
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia