Black Carbon (BC)

Descrición

O Black Carbon (BC) ou fume negro é un tipo de material carbonoso. Distínguese doutras formas de carbono e compostos de carbono contidos no aerosol atmosférico xa que ten unha combinación única das seguintes propiedades: absorbe fortemente a luz visible en todas as lonxitudes de onda, é refractario (conserva a súa forma básica a moi altas temperaturas), é insoluble en auga e en disolventes orgánicos (incluíndo metanol e acetona) e existe como un agregado de pequenas esferas de carbono.

O BC xérase principalmente pola combustión incompleta ou deficiente de combustibles fósiles, biocombustibles e biomasa, e adoita ser emitido directamente á atmosfera en forma de partículas finas (PM2,5). Ten unha reactividade química moi baixa na atmosfera e o seu proceso principal de eliminación é a deposición húmida ou seca.

O BC é un compoñente principal da feluxe, unha complexa mestura que tamén contén carbono orgánico. A meirande parte das emisións globais de BC débense principalmente á acción humana. Proceden de fontes móbiles, especialmente dos motores de vehículos diésel. A outra gran fonte é a procedente da queima de biomasa, dos incendios forestais, das calefaccións residenciais e da industria.

A emisión de BC afecta á calidade do aire ambiente, incide na saúde das persoas e está considerado como un importante contribuínte ó cambio climático global.

O diminuto tamaño das partículas de BC propicia que sexan inhaladas con facilidade polo ser humano, afectando directa ou indirectamente ó sistema pulmonar e ós bronquíolos. A súa inhalación incrementa o risco de padecer infeccións respiratorias, agrava outras moitas enfermidades respiratorias e cardiovasculares e aumenta a taxa de mortalidade prematura.

A súa alta contribución ó cambio climático é debida as súas propiedades absorbentes da luz que fan que converta a enerxía en calor e quente o aire que o rodea. Cando estas partículas están suspendidas no aire, a luz que sería absorbida na superficie é redistribuída na atmosfera. Tamén cabe destacar a súa interacción co xeo e coa neve. Cando as partículas de BC se sitúan sobre estas superficies rematan por escurecelas e diminúe a reflectividade o cal se denomina “efecto albedo”. Isto provoca a aceleración da fusión da neve e o xeo. O BC tamén contribúe á formación de nubes marróns atmosféricas que producen cambios nos patróns da chuvia e nos gradientes de temperatura.

Para saber máis sobre os efectos dos contaminantes na saúde das persoas e qué facer en caso de que teñamos un episodio de altas concentración de contaminantes, pinche no enlace “Recomendacións”

Valores Límite

En Europa aínda non está lexislado o valor límite de emisión para o BC, pero si existen directivas e plans que buscan reducir as emisións de partículas. No RD 102/2011 establécese un valor límite diario para as partículas PM10 de 50 μg/m3 (só se poderá superar 35 días ó ano) e un valor límite anual de 40 μg/m3. Tamén establece para PM2,5 un valor límite anual de 25 μg/m3 ata o 2015 e de 20 μg/m3 para o ano 2020.

Equipo de medición

A aetalometría é a técnica baseada na absorción de radiación electromagnética dalgún tipo determinado de material particulado suspendido no aire. Xeralmente, emprégase para a medición do BC, xa que este material é o contaminante orgánico con maior índice de absorción de luz. O seu principio de operación baséase en facer pasar unha cantidade coñecida de aire inicialmente por unha cinta filtro (de fibra de cuarzo recuberta de teflón) e despois por unha cámara onde é irradiada cunha determinada lonxitude de onda. A estimación da concentración de BC na mostra de aire está relacionada coa atenuación da radiación xerada polo contaminante e o fluxo de aire que ingresa ó equipo nun período de tempo determinado. O equipo que se emprega para a medición do BC é coñecido como aetalómetro.

Para saber máis sobre os efectos dos contaminantes na saúde das persoas e qué facer en caso de que teñamos un episodio de altas concentración de contaminantes, pinche no enlace “Recomendacións”


Logo Xunta 
MeteoGalicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda - Xunta de Galicia
Nota legal | Contactar 1.4.0
Teléfono: +34-881-999654
Fax: +34-981-957466
Galicia